Saturday 04 de May de 2024

Ovidio Rodeiro informa ás residencias de maiores e de persoas con discapacidade da provincia sobre o protocolo de reapertura


Os centros de máis de 60 prazas terán unha reapertura dividida en tres etapas de 15 días cada unha
O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia co case un centenar de representantes de residencias de maiores e de persoas con discapacidade para abordar o protocolo de reactivación destes centros. Neste senso, o representante do goberno autonómico trasladoulles que se se confirma o pase a Fase 2 de Galicia se procederá, o próximo luns, a reapertura gradual e flexible daqueles centros que non teñan ningún contaxiado.

Ovidio Rodeiro explicou que o protocolo aprobado pola Xunta está redactado polo comité clínico do Servizo Galego de Saúde e ten como principio reitor a máxima protección, prudencia, graduación e flexibilidade.

No que respecta ás residencias, Ovidio Rodeiro lembrou que para que poidan abrir ás visitas deben cumprirse dous criterios: que o centro non rexistrase casos de coronavirus, nin entre o persoal nin entre os residentes, nos últimos 15 días; e que no concello onde se sitúa o centro se rexistren cada día tres ou menos novos casos de coronavirus por cada 5.000 habitantes. As residencias que cumpran estes requisitos, que son sobre o 80%, poderán en canto o Goberno Central o autorice.

Neste senso, aclarou que o proceso de reactivación constará de tres etapas e precisou que cada etapa durará 15 días, agás nos centros con menos de 60 prazas, nos que cada etapa durará 10 días.

Pola súa banda, os centros que teñan a consideración de fogar residencial ou vivenda tutelada ou comunitaria –que son os de menor tamaño– poderán comezar a reactivación directamente na etapa 2. Cómpre salientar que para pasar dunha etapa a outra, será necesario que o centro conte cun informe favorable da autoridade sanitaria.

Na etapa 2, as residencias poderán permitir dúas visitas por semana e con cita previa; e as persoas autónomas poderán realizar saídas á farmacia e ao banco, preferiblemente a primeira hora da mañá. E, na etapa 3 poderá recuperarse por completo o réxime de visitas co que contaba cada residencia antes da pandemia; e os residentes poderán saír tamén á contorna urbana, evitando no posible aqueles lugares onde se concentren máis persoas.

O delegado territorial recalcou que no caso de que apareza algún caso positivo habería que suspender a reactivación e volveríamos confinar ás persoas contaxiadas. Ademais subliñou que, nos vindeiros días, tamén se pactará co sector unha data de consenso para iniciar o proceso de activación nos centros de día.

Por último, o protocolo de reactivación das residencias tamén regula o reinicio dos servizos de atención temperá, así como outros servizos terapéuticos dirixidos a persoas maiores e persoas con discapacidade. Estes servizos poderán comezar establecendo un sistema de cita previa que garanta que só estean na sala ao mesmo tempo unha persoa usuaria e un profesional.